Friday 03 de May de 2024

A Xunta dixitaliza as aulas de 58 centros educativos públicos das comarcas da Coruña e Betanzos


Cun investimento de 1.1 millóns de euros dotouse de kits dixitais a aulas de 5º e 6º de educación primaria e de 1º,2º,3º e 4º da ESO e Bacharelato de centros públicos de 14 concellos

Un total de 58 centros educativos públicos de 14 concellos Comarcas de A Coruña e Betanzos beneficiáronse da dixitalización de aulas que vén de completar a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A Administración autonómica investiu nestas comarcas un total de 1.188.676 euros na dotación e instalación de kits de aulas dixitais, compostos por encerado dixital interactivo, vídeo proxector, ordenador portátil para o posto do docente, ademais da conectividade da aula.

Nos últimos meses a Xunta completou a instalación dun total de 4.000 kits destas características en 700 centros públicos, beneficiando a 70.000 estudantes, unha actuación na que se investiron preto de 11 millóns de euros. Con esta actuación a Administración autonómica completou a dotación en todas as aulas públicas dos cursos 5º e 6º de Primaria, 1º,2º,3º e 4º da ESO e Bacharelato. Deste xeito, 120.000 alumnos de 6.000 aulas de preto de 900 centros públicos estudan en aulas dixitais.

Esta segunda fase da dixitalización, enmárcase no Proxecto Abalar, que se vén desenvolvendo desde 2010 con actuacións en 4 eixos: a mellora da conectividade nos centro públicos de Galicia; a transformación do libro en papel aos contidos dixitais con E-Dixgal; e o desenvolvemento de ferramentas de comunicación entre os membros da comunidade educativa (espazoAbalar e abalarMóbil)

100% dos centros con conexións a 100 Mbps en dous anos
A mellora da conectividade é chave no proceso de dixitalización das aulas. Nos últimos seis anos multiplicouse por dez a velocidade media de conexión á Rede dos centros públicos de Galicia, que pasou de 5,36 a 58,65 Mbps.

Actualmente, máis de 370 centros dispoñen de conexión á Rede con velocidades superiores a 100 Mbps e chegarase a máis de 430 centros ao longo do 2016 (o 38% do total de centros públicos).

En decembro de 2015 asinouse un convenio con Ministerio de Educación e Red.es para dotar de conexión a 100 Mbps a todos os centros públicos ao remate de 2017. O acordo permitirá un investimento do Estado de 17,1 millóns de euros, aos que a Amtega sumará outros 2 millóns de euros.

E-Dixgal
Abalar é un proxecto que, desde 2010 está a transformar a aula tradicional en dixital, coa colaboración de toda a comunidade educativa, profesorado, alumnado, e familias. O pasado curso, Abalar deu un paso máis cara unha educación integramente dixital coa posta en marcha da plataforma de aprendizaxe virtual E-Dixgal con contidos dixitais online e off-line, gratuítos para as familias.

Neste curso 2015/16 traballan de xeito diario con contidos dixitais preto de 6.000 estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º de Educación Secundaria, e máis de 1.000 docentes de 104 centros públicos e concertados, que contan todos eles con aulas Abalar cun ordenador por alumno. No vindeiro curso a previsión é que máis de 7.500 estudantes se beneficien de E-Dixgal.

abalarMóbil
No marco do proxecto Abalar desenvolvéronse ferramentas para facilitar a comunicación entre os membros da comunidade educativa como o portal espazoAbalar e a app abalarMóbil. espazoAbalar permite ao profesorado e as familias comunicarse e acceder a información sobre a evolución académica dos seus fillos no centro dende calquera ordenador. abalarMóbil permite facer ese seguimento dende un dispositivo móbil (smartphone ou tablet).

Actualmente, abalarMóbil estase a empregar en 236 centros educativos de Galicia, beneficiando a máis de 10.000 docentes e preto de 90.000 alumnos e as súas familias. A aplicación está dispoñible para Android e IOS con preto de 20.000 descargas en 2015.